Os presupostos para este ano presentáronse na comisión informativa de facenda, celebrada onte. Vicente Castro explicou que “a maior parte da baixada ven dada polas transferencias de capital doutras administracións” e lembrou que “nos orzamentos de 2012 e 2011 tiñamos grandes partidas coma as correspondentes ao arranxo da travesía de Ribadeo con transferencias do goberno do Estado e renovación e arranxo do pavillón municipal de deportes con partidas moi importantes por partes da Deputación”.

O concelleiro de Facenda indicou que “hai tamén unha baixada importante da recadación no capítulo de taxas, motivada pola situación económica que estamos a atravesar. Hai unha estimación á baixa por este motivo, que se ve compensada nas mesmas cantidades por incrementos na partida de impostos directos e nas transferencias correntes, debidas éstas ás subidas do IBI que se deron no 2011 e que teñen repercusión no exercizo 2012 e sobre todo neste 2013 e tamén á participación nos tributos do Estado, que xa supuxo unha importante subida no 2012 e agora neste ano é maior”.

Sobre o capítulo de gastos Vicente Castro subliñou “o importante descenso nos gastos de persoal, debido a que non houbo que contemplar ningunha partida para indemnizacións por despidos e á algunhas setenzas que arrastrábamos nos exercizos anteriores e por modificacións que se fixeron na RPT e que foron aprobadas o ano pasado. Manténse estable o capítulo de gastos correntes, a pesares da suba permanente do alumeado público e do IBI”.

O concelleiro de Economía seguiu a relatar que “hai unha baixada en transferencias correntes, é dicir en subvencións, do 10%. Neste 2013 realizaránse en Ribadeo pequenas obras de diversa índole que se executarán desde principios de ano, pero que serán sufragadas nun 80% con fondos propios”. O capítulo de amortización de préstamos “sofre tamén un importante descenso, motivado polo seu vencemento. Este goberno no mandato anterior e no que vai deste non acudiu a préstamos, os que había van vencendo e vánse reducindo as amortizacións e tamén hai que ter en conta as amortizacións extraordinarias que se fixeron no 2011 e no 2012. No 2011 esa cantidade ascendeu a 80.000 euros e o ano pasado a 100.000 euros. Isto ven dado porque a situación económica do Concello o permite, porque os resultados dos exercizos son positivos ano tras ano e iso permite que poida haber remanente suficiente para facer fronte a estas amortizacións extraordinarias”.

Vicente Castro tildou os orzamentos de equilibrados e moi realistas, “axustando os gastos e os ingresos á realidade actual, tendo en conta que moitas das partidas de ingresos van presupostadas á baixa debido á situación económica que atravesamos. Agardamos contar co apoio dalgún grupo da oposición a uns orzamentos realistas nos que non se recortan servizos básicos nin sociais, senón que se incrementaron algunhas partidas destinadas a estes fins. O que pretendemos é cumprir co plan de axuste ao que estamos adscritos, que as contas do Concello cadren e que permitan non suprimir servizos nin postos de traballo”.