Suárez Barcia dixo que “foi un importante pleno este ordinario que celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1.800.000 euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade, etcétera”.

Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición na sesión plenaria dixo “debo destacar que é un pouco sintomático que estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que toda a documentación que se manda a través dos procedementos electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo electrónico 11 días antes”.

O alcalde indicou que “este presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual, entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela parte de 500.000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un préstamo externo para poder sufragar esa cifra”.

Fernando Suárez manifestou que “hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos, senón todo o contrario”.

O rexedor dixo que “na orde do día foron aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300 alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela”.

Suárez Barcia engadiu que “dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta ao Ministerio de Fomento desta incidencia”. E tamén se referiu “a estas incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo”.