Fernando Suárez anunciou que “nestas comisións informativas que imos celebrar antes do pleno ordinario, un dos puntos máis importantes, por non dicir o máis singular, son os orzamentos do 2018. É algo que nos dá moito orgullo dicilo porque estamos aínda no 2017, e imos aprobalo cando se espera que se aprobe, antes do ano que entren en vigor”.

O alcalde dixo que “a maioría de Concellos quizais non o poidan facer. Nosoutros queremos utilizar todos os instrumentos que temos ao noso alcance, e queremos poñer a funcionar este orzamento vixente xa desde principios de ano, por cuestión de inversións e de todo o que queremos levar adiante nun ano moi importante como vai ser o ano 2018”.

Suárez Barcia declarou que “para iso o compañeiro de Economía e Facenda, Vicente Castro, xuntos cos técnicos municipais, propoñémoslle ao pleno un orzamento moi realista, moi axustado ao que é o Concello de Ribadeo hoxe en día, e que supón un incremento dun 8% con respecto ao orzamento deste ano 2017. En total vai ser un orzamento de 9.478.000 euros, cun incremento de 705.000 euros”.

O rexedor detalla que “no capítulo de bens e servizos e transferencias correntes incrementamos un 4% con respecto ao ano anterior, dado que ben motivado na gran maioría polo aumento na dotación para prestación de servizo de axuda no fogar, na modalidade de dependencia”.

O alcalde engadiu que “no que ten que ver cos gastos financeiros, os xuros da débeda con entidades financeiras reducímolos moito, nun 43%, que ven motivado polo vencemento de préstamos no ano 2017 e pola redución progresiva de débeda que estamos facendo. Sempre cando dicimos nos exercicios que liquidamos orzamento e que temos remanentes positivos, parte dese remanente positivo non o gardamos senón que imos amortizando débeda por unha banda, e por outro lado sérvenos para cubrir inversións como estamos facendo”.

Fernando Suárez relatou que “no que ten que ver co estado de gastos, para os investimentos reais para este ano, incrementámolo moito, ata practicamente 1.800.000 euros, financiados en gran parte con recursos propios, un 68% do Concello e doutras administracións nun 31%. Este investimento aumenta un 52%, un chisquiño máis da metade con respecto ao ano anterior na maior parte en obras importantísimas de urbanización que queremos levar adiante. Esas obras son a reparación, a mellora e a humanización integral da rúa San Roque, a actuación que anunciamos o outro día na avenida da Ría de Ribadeo, e tamén a mellora e pavimentación a realizar nos accesos a diversos núcleos rurais das nosas parroquias. E tamén unha serie de inversións, en menor medida pero sempre importantes, en mobiliario urbano, inmobles, instalacións deportivas,… que son imprescindibles en todos os exercicios económicos, ben por deterioro ou ben por obsolescencia”.

O rexedor ribadense subliña que “todo isto tendo en conta que non prevemos ningunha suba de impostos nin de tributos municipais, a excepción do incremento do IPC nas tarifas da piscina que temos por contrato da concesión, e que non é demasiado. No resto non contemplamos subir ningún tipo de taxa nin de tributo. O IBI, o imposto de bens e inmobles, que si que temos un incremento con respecto ao ano anterior, non é por un incremento do tipo que lle apliquemos o Concello senón pola revisión que algúns dos propietarios de bens tiveron os anos anteriores. Este ano xa contemplamos eses incrementos adicionais das liquidacións dunha serie de propietarios, que por algún motivo non tiñan ben declarado correctamente e sufriron alteracións da propiedade sen telas comunicadas ao Catastro. Ese maior aumento precisamente utilizámolo para axudar nestas inversións puntuais”.

Suárez Barcia confía en que “este orzamento sexa aprobado polo pleno da corporación, que sexa publicado de maneira inmediata no boletín oficial da provincia, e que entre en vigor a principios de ano 2018 para que poidamos utilizalo con toda a capacidade que nos vai ofrecer para o Concello de Ribadeo, e en definitiva para os seus veciños e veciñas”.