Suárez Barcia explicou que “se aprobaron de maneira inicial estas axudas de emerxencia social, que sempre se estiveron a dar desde o Concello, pero sen regulación e agora regúlanse de xeito máis xusto. Por exemplo para acceder a esa concesión de axudas esíxese un período mínimo de 6 meses de empadroamento en Ribadeo e que terán que ser destinadas a gastos puntuais e non gastos periódicos”. O alcalde puntualizou que “o Concello non pode pagar sistematicamente a renda dalgunha familia, aínda que non teña recursos, pero sí que pode facer algo de xeito puntual ben sexa o subministro eléctrico, a renda, alimentos, roupa, mobiliario básico… a iso irá destinada a consignación deste ano, pero si é necesario incrementarémola ao longo dos vindeiros meses”.

Na sesión plenaria de onte tamén se aprobou unha moción do equipo de goberno sobre a reforma da lei do aborto. O Concello instará á Xunta a que demande ao goberno do Estado que se siga a aplicar a lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, porque a reforma proposta é unha volta atrás para as mulleres, segundo a concelleira de Igualdade.

Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “supón un retroceso nos dereitos que as mulleres tíñamos conseguidos ata o día de hoxe; é dicir, supón un retroceso de moitos anos cara atrás porque van decidir outros por nós e vamos volver á práctica de consentir facer abortos clandestinos en lugares fóra do noso país. E polo tanto vai haber mulleres de primeira e de segunda, mulleres que teñan esa capacidade económica para poder facer este tipo de prácticas fóra do noso país; pero outras mulleres, que por razóns de tipo económico e social non teñan os medios para facelas, non se lles dará esa opción a elixir senón que terán que seguir adiante cun embarazo que en moitos casos non sexa desexado e acaído”.

A concelleira de Igualdade manifestou que “o que nos parece máis grave é eliminar o suposto de malformación grave fetal; é dicir estamos abocando ás mulleres a traer a esta vida a persoas que van ter malformacións conxénitas graves cando se está arrasando dende as políticas que está levando a cabo o Partido Popular, que goberna no Estado e na Xunta de Galicia, coa sanidade pública, coa lei de dependencia, coa axuda aos centros educativos nas materias de apoio e de educacións especiais. É dicir vamos traer persoas a este mundo que como nais, como persoas e como familias nin sequera lles imos poder garantir os seus dereitos. E ademais tendo en conta que moitas veces a eses nenos que nazan con esas malformacións vamos condenalos a unha vida que nin sequera merece a pena. Simplemente se contemplan legalmente dous tipos de supostos para poder abortar, que é a violación e o grave risco para a saúde da nai”.

A edil do BNG indicou que “a nós parécenos un retroceso fundamental nos dereitos que as mulleres conseguimos. Nos momentos actuais de recortes tratar de crear polémica cunha lei que ata o día de hoxe non orixinou ningunha confrontación porque este tema estaba asumido por todo o mundo, utilizando o mito do aborto das menores, supón que non se está lexislando para toda a sociedade senón que se está facendo para grupos relixiosos que están presionando para que isto se leve adiante. Mostra clara disto é que dentro das propias filas do Partido Popular hai voces discordantes e no pleno de onte manifestáronse os propios membros deste partido a favor de que se debe modificar, porque non podemos perder eses dereitos, hai cousas moi mellorables e, dende logo, hai cuestións fundamentais e as mulleres debemos ser donas da nosa propia vida”.

A moción presentada polo equipo de goberno contou con 10 votos a favor: BNG, PSOE, UPRI e un edil do PP, dúas abstencións do PP e un voto en contra tamén do grupo municipal do PP. Para Mariluz Álvarez Lastra “iso quere dicir que é algo que socialmente non ten claro todo o mundo, que non se está lexislando para todos e que se está facendo caso simplemente a un sector da poboación que está presionando”.

Dende o Concello de Ribadeo “imos iniciar unha serie de actos que posteriormente anunciaremos, en colaboración coas compañeiras do Occidente de Asturias, para que as mulleres e a sociedade sexan conscientes do retroceso nos dereitos fundamentais ao que nos pode abocar a aprobación deste proxecto de lei. E dende logo transmitir toda a información da maneira máis obxectiva posible para que todo o mundo decida e para que nos movamos socialmente para que isto non se leve a cabo”.