O rexedor declarou que “somos conscientes desde o Concello desta problemática que está xerada nestas ultimas semanas, despois da entrada en vigor dunha normativa autonómica no que ten que ver cos ruídos. Desta maneira, coa lei na man e de maneira estrita, ningún bar podería ter Cantos de Taberna, que ás veces os propios Concellos organizamos como actividades municipais e que, coa entrada en vigor desta normativa, quedan dunha maneira ilegal”.

Suárez Barcia explicou que “para resolver isto, desde o Concello, neste vindeiro pleno, imos ir na liña doutros Concellos que están á vangarda destas circunstancias como poden ser Santiago de Compostela ou mesmo Pontevedra. Queremos incorporar un novo apartado á ordenanza municipal de medio ambiente no senso de que nos bares ou nos pubs se poida permitir a amenización e a ambientación musical por medios técnicos ou con voz e música en directo. Iso si non poderán superar en ningún caso nin os niveis de ruído, nin os límites horarios, nin os límites de aforo que xa tiveran autorizados para as correspondentes categorías que teñan concedidas as súas licencias de actividade. Necesitamos dalgunha maneira para sacar dunha certa anarquía a normativa que neste caso se está a converter nun absurdo”.

O alcalde engadiu que “aínda que en Ribadeo somos moi conscientes, tivemos moitos problemas hai anos, e somos os primeiros que queremos compaxinar o dereito ao ocio duns veciños co dereito ao descanso doutros. Temos que ter en conta a importancia deste sector e neste cambio normativo para nada se vai vulnerar ningún dereito senón todo o contrario. Vai entrar dentro do que é a normalidade racional que nun bar alguén poida cantar, por poñer por caso, ou que alguén poida tocar unha guitarra, sempre que nin os niveis de ruído, nin os límites horarios nin os límites de aforo se cambien”.

Fernando Suárez agarda que “conte coa unanimidade da Corporación este cambio que pretendemos levar adiante”.