O rexedor explicou que “levamos adiante esta proposta de creación da sede electrónica do Concello de Ribadeo para que non só traballando intramuros, como estamos facendo dende hai uns meses no que ten que ver coa administración electrónica, senón que a partir de poucos días todos os veciños, a través das novas tecnoloxías, tamén poderán comunicarse co Concello para pedir expedientes ou certificados. Era o momento de dar o paso e contamos coa unanimidade de todo o mundo, igual que a intención de crear o perfil do contratante do Concello”.

Suárez deu conta tamén da aprobación da modificación da ordenanza que afecta ás terrazas: “esta modificación da ordenanza que regula a ocupación de terrazas na vía pública tamén contou cunha importante maioría, aínda que nos sorprende dalgunha maneira que o PSOE, que na comisión informativa previa votara que si, no pleno votou que non. En fin, cada un é dono dos seus silencios e escravo das súas verbas. Chama a atención porque nós dende o Concello o único que pretendemos con esta modificación da ordenanza das terrazas non é outra cousa que conciliar e facilitar que uns vendan e outros podan pasear sen pedir permiso para pasar pola vía pública. Non se trata de restrinxir nin de recadar máis, simplemente de harmonizar a lexítima actividade comercial coa lexítima necesidade dos viandantes de pasar polas vías públicas”.

Sobre as mocións a debate o alcalde ribadense contou que “no que ten que ver coas mocións, que logo como transcendencia real a nivel municipal teñen pouca, pero a nivel mediático ás veces son moi artificiosas, debo destacar esta que presentou o Partido Popular sobre a unidade do Estado. Dende o BNG consideramos moi grave que o PP empregue temas de moi pouca repercusión para a vida municipal con mocións claramente políticas e, pola contra, eluda as súas responsabilidades máis inmediatas no compromiso con Ribadeo. Vese día a día que o PP de Ribadeo se está pregando a unha liña política desnortada, en lugar de posicionarse claramente con temas locais que son os que interesan aos veciños, como é a necesaria axuda da Xunta para financiar a residencia de maiores que actualmente está en construción”. Suárez Barcia explicou que “o noso grupo votou en contra desa moción, compartindo moito dos argumentos que tamén dicía Ciudadanos e o PSOE, aínda que partimos de concepcións filosóficas diferentes arredor do que é o Estado e do que debe ser, compartimos que esa moción era bastante rancia nos termos e na redacción. Entendemos que é necesaria unha nova actitude fronte á diversidade cultural e lingüística do Estado español, que debe recoñecerse como o que é, un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico. Non hai que terlle medo á democracia. Non o tiveron no Reino Unido e non pasou nada, non o tiveron en Canadá co Quebec e non pasou absolutamente nada, así que entrando en materia tampouco hai anda do que alarmarse”.

O alcalde insistiu na actitude do PP respecto á residencia de maiores: “queremos destacar estas preguntas do PP na súa quenda remachando sobre a residencia. A residencia ten unha cuestión moi clara: a Xunta de Galicia, administrativamente, leva sen contestar aos requirimentos feitos polo Concello de Ribadeo e asinados por todos os portavoces políticos da Corporación dende agosto de 2014. Outra cousa son os artificios mediáticos do inefable señor Balseiro, que parece que é agora deputado por Ribadeo, dado que ten marxinados aos seus concelleiros de Ribadeo no asunto da residencia de maneira lamentable, algo que non pasou no mandato anterior. Cos representantes institucionais do PP podíase falar e querían o mellor para Ribadeo, pero agora, lamentablemente, o grupo municipal do PP soamente responde ante Balseiro, non ante os veciños de Ribadeo, senón ante unha estratexia política chabacana con tal de enredar e non dar o financiamento que no seu momento comprometeron”.

O alcalde asegurou que “como proba vén moi ben a conta aquilo de que unha cousa é predicar e outra é dar trigo. Tivemos queixas de que por que non levamos a moción para crear un novo campo de herba sintética en Ribadeo, que o faga a Deputación. Debo recordar que no pleno anterior acordouse por unanimidade, a proposta do PP, pedirlle á Deputación que amañara todas as súas vías de titularidade provincial en Ribadeo. Evidentemente votamos todos a favor e eu preocupeime especialmente de que esa moción unanimemente aprobada chegara a mans da presidenta de Deputación, naquel momento do Partido Popular, para que non houbese escusa e os recursos tamén viñeran a Ribadeo”.

E engadiu: “pero cal foi a nosa sorpresa de que, antes de marchar o goberno popular da Deputación, deixou liquidado un montón de diñeiro para moitos concellos a través de moitos convenios, pero lamentablemente non para Ribadeo. E Ribadeo tíñao pedido, e non coa forza do alcalde, senón coa forza de toda a Deputación. Polo tanto, señores do Partido Popular, aí se lles ve o dito de que unha cousa é predicar e outra dar trigo, porque cando puideron facelo non o fixeron e agora pretenden darnos leccións aos demais”.