Díaz Freije sinalou que “é unha ordenanza que recolle todo o que é o ámbito das praias: socorrismo, limpeza, uso dos areais, uso de embarcacións de pesca, actividades deportivas, animais e residuos, entre outros. É unha ordenanza que está traballada e que é bastante completa”.

O edil engadiu que “tamén é algo que nos requirían a Q de Calidade e a Bandeira Azul durante estes anos. É unha esixencia máis para ter estes requisitos que tanto nos aportan”. 

O concelleiro de Medio Ambiente dixo que “agora está colgada na web do Concello, porque isto leva un procedemento administrativo, ten que ir a pleno despois e logo haberá outro tempo para presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva. Entón hai que poñela a andar o antes posible para que cando sexa a tempada de praias estea xa operativa”.

O proxecto de ordenanza reguladora do uso das praias está colgado xa na web do Concello. A cidadanía, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos durante o prazo de 10 días a contar desde mañá, 19 de xaneiro.