Fernando Suárez explicou que “un dos asuntos importantes que someteremos a aprobación no pleno desta tarde será a proposta de modificación dunha ordenanza, que temos vixente desde hai moito tempo, que regula a taxa por ocupación de espazo público. Ímolo modificar en relación con aquelas entidades sen ánimo de lucro, especialmente asociacións, etc…, porque aínda que o Concello non teña capacidade para determinar os supostos de non suxeición, pero tratando de facer unha interpretación construtiva sobre estes supostos en que estas entidades sen ánimo de lucro non estarían obrigadas a pagar por esta taxa cando se ocupen espazos públicos, acorde tamén un pouco co que se decidiu non hai moito tempo en cidades como Barcelona ou como Madrid”.

O rexedor engade que “deste xeito cando entidades sen ánimo de lucro, que reúnan os requisitos que nesta ordenanza se establecen, e que non busquen un beneficio económico das súas actuacións ou o beneficio que poidan obter non sexa relevante en relación co custe da actividade, poidamos desde o Concello eximilas do pago da taxa. É dicir, unha asociación sen ánimo de lucro que quere ocupar vía pública para facer unha campaña contra o cancro, por exemplo, ou unha asociación que queira facer un concerto aberto á cidadanía, ou mesmo unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro que queira facer unha festa gastronómica para recadar fondos para algo social e colectivo para todos. Son unha serie de supostos que se dan moitas veces e que ás veces ao Concello plantexasenos a dúbida de incumprir unha normativa, que poidamos ter algún reparo, etc…, e para liberarnos diso, tanto desde o punto de vista da xestión como desa asociación para que non poidamos ter ningún problema”.

Suárez Barcia di que “confiemos en que isto vaia adiante. Aprobarase inicialmente no pleno de hoxe, estará en exposición pública durante trinta días e esperemos que xa, en parte do verán, se poidan acoller a maioría das entidades sen ánimo de lucro a esta nova modificación”.