As tardes de lecer darán comezo, a modo de proba, os días 15 e 20 de novembro, respectivamente e seguirán ata finais de ano todos os mércores e venres. Mariluz Álvarez Lastra indica que “as tardes constarán de dúas horas de duración, nas que se farán un compendio de obradoiros alongados no tempo, complementados con actividades de carácter puntual. Nas tardes de lecer haberá un obradoiro de memoria, no que ademáis se aproveitará para recoller lendas, contos, ditos, cantigas… e tamén hai previsto un clube de xogos e actividades manuais, acompañadas dun café e de tertulia”. A actividade denomínase Aquí…como de 20. Obradoiros de memoria e está organizada polas Concellarías de Igualdade e Servizos Sociais.

Este venres, 15 de novembro, as tardes de lecer darán comezo na escola de Cedofeita de 16 a 18 horas e na escola das Anzas de 18:30 a  20:30 horas. Xa o mércores, 20 de novembro, estas actividades chegarán á escola de Rinlo de 16 a 18 horas e á escola de Vilaselán de 18:30 a 20:30 horas.

As Concellarías de Servizos Sociais e Igualdade tamén anuncian que “de forma forma rotativa polas diferentes parroquias haberá na fin de semana Seráns con baile” e subliña que “a estas actividades poderá acudir calquera veciña/o aínda que non sexa da parroquia na que se vai realizar dita actividade. Non é preciso anotarse”. Desde o Concello de Ribadeo animan “a participar destas tardes de lecer e dos seráns con baile”.

As tardes de lecer seguirán despois do Nadal por outras parroquias do concello.