O rexedor dixo que “neste intenso 2015 que se vai debemos agora facer unha valoración de todo o acontecido, para ben, que houbo moitas cousas, e para mal tamén, porque houbo cousas que se puideron facer mellor. Sempre que unha fase da vida pasa hai que valorar o que pasou e comprometerse para o que entre a intentar seguir facendo ben o que está indo ben e mellorar en todo aquilo no que non puidemos estar á altura, empezando por min, polo goberno municipal. Pero isto tamén é cousa de todos. Non o digo soamente dende o punto de vista electoral, dado que neste ano 2015 houbo dous procesos, un en maio coas municipais, e outro coas eleccións xerais, que vimos de pasar hai ben poucos días, e nos que todos, sobre todo os que estamos na política activa, debemos sacar conclusións moi interesantes do que dixo a xente”.

Suárez defendeu que “á marxe das cuestións electorais, indo á parte do traballo do día a día, haberá outras institucións que só se acordan de Ribadeo para mal, como é na cuestión da residencia e da Xunta de Galicia. Esperamos que para o ano que vén á Xunta lle veña o sentidiño con esta actuación tan burda e manipuladora que está tendo, non co alcalde nin coa Corporación, senón con todos os veciños e veciñas que non merecen o trato que lles dispensa a Xunta. Oxalá que ao partido mais importante da oposición, que é o PP, por boca dos seus concelleiros lles entre o sentidiño tamén e dunha vez por todas se fagan maiores e comecen a discrepar dos seus representantes de máis enriba, dos seus deputados autonómicos, que lles están levando o discurso e marcando a axenda”. Para o rexedor ribadense “estanse esquecendo dos problemas dos homes e mulleres de Ribadeo, das necesidades da xente da maior, que quere que entre todos busquemos unha saída para a residencia. Ímolo conseguir con Xunta ou sen Xunta, con PP ou sen PP, pero dende logo nestes asuntos importantes que tanto nos caracterizan en Ribadeo para que esteamos todos a unha, botamos de menos as actitudes que outras compañeiros seus de Corporacións anteriores tiveron”.

Suárez detallou algún dos propósitos que o goberno local ten para o ano que vén: “habemos seguir dende o goberno municipal traballando para lograr o benestar maior dos veciños e das veciñas, para facer de Ribadeo unha referencia, para ben, en toda a comarca e no mundo se fai falta, ter aprobado neste ano que entra o Plan Especial do Casco Vello, impulsar de maneira definitiva e determinante o Plan Especial das Catedrais, reducir as desigualdades entre as parroquias e a vila, entre a vila e o campo. En todo o que estea nas nosas mans, e no que non estea, imos seguir petando en cantas portas haxas con máis ou menos delicadeza, pero sempre para poñer aos veciños de Ribadeo na cúspide e no vértice de todo o traballo institucional. Así que lle desexamos a todos os veciños e veciñas que teñan unha feliz despedida do ano 2015 e un feliz e próspero Aninovo 2016. Saúde para todos e todas”.