Vicente Castro manifestou que “vivimos tempos convulsos e tempos electorais que trastornan moito á xente e son moi tendentes a declaracións fora de lugar e fora de ton. Saíndo ao paso das manifestacións realizadas estes días por Daniel Vega, candidato do PP, referentes á financiación do plan de obras para o rural anunciado polo alcalde de Ribadeo, quería aclararlle certas cousas”.

O concelleiro de Economía e Medio Rural dixo que “no Concello de Ribadeo nin se anuncian nin se fan obras sen a correspondente financiación, é evidente. Se agora se están a facer e se fixeron un montón de obras é precisamente grazas á situación económica do Concello e a facer as cousas ben nos últimos anos. Contamos con remanentes de tesourería que non puidemos utilizar anteriormente ao ano 2018, e que nestes anos 2018 e 2019, e esperemos que posteriormente nos seguintes, se poidan seguir utilizando para realizar inversións no concello”.

O edil ribadense puntualizou que “o plan anunciado polo alcalde para infraestruturas no rural e ao que se refería Daniel Vega, e que ascende a 575.000 euros, xa lle aclaro que está financiado con 340.000 euros con cargo a fondos propios do Concello e 235.000 euros con cargo ao Plan Único da Deputación, que é para todos os Concellos tamén. Por suposto non recibe nin un so euro de ningún plan marco nin ningún plan da Xunta. Polo tanto teñen a correspondente e clarísima financiación, e probablemente aínda se poida facer un segundo plan no que queda de ano”.

Vicente Castro engadiu: “dito isto, espero que lle queden claras as dúbidas ao señor Vega e se non sabe que pregunte. No Concello pásanlle a información correspondente de todo, ademais sae nos medios, está na rede e os expedientes administrativos están a disposición de todo o mundo. Se ten algunha dúbida máis pódolla aclarar eu persoalmente cando queira”.