Suárez Barcia dixo que “aproveitando tamén unha convocatoria de subvencións para infraestruturas públicas queremos actuar tanto na vila como no campo, que son sempre os nosos dous eixos principais”.

O rexedor ribadense explicou que “no Boletín Oficial da Provincia hoxe saen a licitación dúas obras importantes. Por unha banda no ámbito urbano a pavimentación da rúa da Alza ata o cemiterio, é dicir, de toda esta rúa que conecta desde a Avenida de Asturias e que vai dar ao cemiterio municipal de Ribadeo. Vaise dotar dunha nova capa de aglomerado asfáltico e nunha parte dela efectuarase un reforzo da rede de saneamento, por un importe de 73.000 euros, que sae a licitación”.

Fernando Suárez relatou que “por outra banda sae tamén unha convocatoria para aglomerar dous camiños en parroquias, neste caso na parroquia de Arante máis en Remourelle. O primeiro deles é o acceso principal a Remourelle, o que vai desde a estrada Reme-Vilamar e que chegará ata o barrio da Madanela en Remourelle. Outro en Arante desde a estrada da Deputación, a número 5204, ata o barrio de Cei. Neste caso tamén serán con aglomerado asfáltico, que se cadra é máis caro pero o rendemento, a conservación e o mantemento son infinitamente mellores”.

O alcalde manifestou que “por mor das xustificacións en tempo bastante axustadas, estas obras témolas que facer en plena época estival. É positivo porque nesta época non chove e as mellores calidades para os asfaltados sempre son as que se fan nestas épocas de calor, pero é negativo para conciliar iso sobre todo no ámbito urbano cos turistas. Pero é necesario se queremos que Ribadeo vaia mellorando e renovándose pouco a pouco como estamos a facer”.

Suárez Barcia subliñou que “todos aqueles contratistas cualificados que queiran facer a súa presentación de ofertas económicas e técnicas teñen 26 días naturais a partir de hoxe para facer a súas propostas. No que ten que ver cos asfaltados nas parroquias ascende a uns 102.000 euros e o que ten que ver coas obras no ámbito urbano son 73.000 euros. Practicamente 175.000 euros, unha gran parte de fondos europeos e do Concello de Ribadeo de fondos propios, e xa en menor medida e a moita maior distancia, unha achega pequena da Xunta e do Ministerio”.