O rexedor contou que “nestes días estamos empezando unhas importantes obras de acondicionamento e mellora do noso entorno urbano, concretamente no lugar da Vilavella. Alí imos executar un proxecto de acondicionamento dunha área recreativa nunha zona que, a pesares do seu moito uso para os deportes de remo e piragüismo, estaba nunha situación que non era axeitada para ser un dos principais accesos á vila de Ribadeo”.

Suárez Barcia explicou que “o que pretendemos con estas actuacións é acondicionar este espazo para convertelo nunha área recreativa de fácil acceso a pé ou en vehículo, e que serva de zona de descanso ou de paso cara a ruta do Muíño das Aceas dentro do Camiño Natural do Cantábrico que percorre toda a nosa costa”. 

O alcalde indicou que “deste xeito recuperaremos e ampliaremos o espazo verde agora mesmo ocupado pola antiga estrada que daba acceso ao núcleo urbano, converténdoa así nunha zona de lecer, de descanso e de paso dentro da ruta de sendeirismo que conduce ao citado Muíño das Aceas”. 

Fernando Suárez subliñou que “entre as actuacións contempladas atópase o axardinamento deste espazo, a instalación de iluminación LED, o acondicionamento dunha zona de aparcamento, crearemos tamén un miradoiro cunha varanda de seguridade e tamén instalaremos mobiliario como bancos, mesas e aparcabicis e paneis informativos”.

O rexedor engadiu que “o orzamento desta actuación é de 40.000 euros e conta cunha achega de 29.000 procedentes do Fondo de Compensación Ambiental. A empresa adxudicataria da obra é Gestión Gratelu e o prazo de execución é dun mes. Desde o goberno municipal queremos sumar esta actuación a outras que están mellorando moito o noso concello desde o punto de vista medioambiental e recreativo”.