O rexedor declarou que “se están executando a moi bo ritmo estas obras da rúa da estación, que xa empezamos hai máis de dous meses e que calculamos que lles poida quedar un mes máis de traballo para cambiar radicalmente esta zona e, ao mesmo tempo, a accesibilidade sobre todo das parroquias do interior que queiran saír, sobre todo transporte pesado, cara á autovía ou ás vías de comunicación máis importantes de Ribadeo”.

Suárez Barcia sinalou que “esta obra duns 360.000 euros de custo, onde a Deputación nos pon practicamente o 78% e os 80.000 euros restantes son asumidos con fondos propios do Concello, vai supoñer unha ampliación no ancho do vieiro e cando dentro dun mes a cidadanía poida desprazarse e circular por aí comprobará que non ten nada que ver co que había ata agora. Vai contar con beirarrúa, nova iluminación, os dous carrís van ser moito máis anchos e desde logo vaille dar unha calidade para os veciños dese barrio e unha seguridade pública para os viandantes, que ata agora pouco menos que se tiñan que xogar o tipo”.

O alcalde ribadense engadiu que “esta é unha actuación estratéxica para o goberno municipal e como todas as actuacións estratéxicas ten o apoio desta administración cercana a nós que é a Deputación. Cando pensamos nestas obras botamos de menos á Xunta de Galicia posto que, máis aló do fume de vender camisetas, sudadeiras e gorras que é o que se dedican a facer ultimamente en Ribadeo, nas cuestións importantes brillan pola súa ausencia. Pero en todo caso nós seguimos ao noso que é traballar e ir cambiando Ribadeo para mellor”.