O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “queremos levar adiante a reparación de pavimento dun treito importante da rúa Carlos III e da rúa Sor Pilar de León. Hai que ter en conta que este ámbito está nunhas condicións non de todo correctas, especialmente a rúa Sor Pilar de León, pero tamén a rúa Carlos III está nunha situación que ten fochancas, problemas coa auga, etc…”.

O rexedor explicou que “fixemos un pequeno proxecto que, a partir desta mesma mañá, está no perfil do contratante do Concello de Ribadeo para que todas aquelas empresas que queiran puxar por este contrato o poidan facer. Teñen de prazo ata o día 4 de febreiro, ás dúas da tarde. O importe desta obra ascende a uns 34.000 euros e queremos humanizar con aglomerado asfáltico, con pintado e con sinalización”.

Suárez Barcia contou que “tivemos en conta que nesta zona está o colexio Sagrado Corazón e queremos facer as obras cando molesten menos, polo que estivemos planificando para que os traballos importantes de aglomerado se fagan nesa semana onde non hai colexio, concretamente do 2 ao 6 de marzo, para molestar o menos posible, sempre e cando as condicións climatolóxicas o permitan”.

O alcalde engadiu que “queremos darlle un novo impulso a toda esta zona, que é certo que se encontraba nunha situación que non era o máis agradable para ser un punto urbano relativamente céntrico, e queremos que á volta dunhas semanas se lle cambie a faciana totalmente”.