O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que “se trata dunha obra importante tanto en estética como en funcionalidade. Moitas veces no Concello, como institución, estamos ordenando o amaño e a reparación de moitos inmobles no casco vello e o noso actualmente non está nunhas condicións axeitadas, no que ten que ver coa pintura, coa carpintería de exteriores, que está bastante deteriorada, con fisuras nos canalóns, filtracións e incluso algún cristal que non está en boas condicións”.

O rexedor engadiu que “fixemos un proxecto global coa axuda da Deputación de Lugo, como sempre, outra vez máis nos bota unha man importante nesta actuación. Hai un proxecto por importe de 60.000 euros que está publicado xa na plataforma de contratos do Estado e máis no perfil do contratante da paxina web do Concello, para que todas aquelas empresas que cumpran os requisitos e que queiran participar nesta licitación o poidan facer. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 13 de decembro deste ano”.

O alcalde detallou que “imos pintar o edificio enteiro, polas tres fachadas, volvendo ás tonalidades orixinais dentro da paleta de cores vixente autorizada pola Comisión de Patrimonio de Lugo. Tamén imos reparar os problemas de filtracións, mellorar a eficiencia enerxética, reparar a carpintería de exteriores e pintala, para que dentro de pouco tempo, a Casa do Concello, a casa do pobo, luza como sempre debeu estar”.