O edil nacionalista sinala que “desde comezos desta semana  estanse a poñer en marcha as obras de acondicionamento exterior da Biblioteca El Viejo Pancho. Vaise pintar a facha exterior, reparar a cornixa de madeira e tamén recuperar a carpintaría exterior e pintala. Polo que se refire á fachada, procederase á limpeza e posterior pintado tanto da lateral que da á rúa Antonio Otero, como da principal. Así mesmo, recuperarase a carpintaría exterior de todas as ventás e portas de balconada, ademais da porta de acceso. Ao mesmo tempo, tamén se procederá ao rascado e pintado da cornixa de madeira do edificio no seu perímetro”.

Graña indicou que “esta obra de acondicionamento exterior da Biblioteca El Viejo Pancho é posíbel grazas ao convenio asinado coa Deputación Provincial de Lugo sendo no seu momento delegado de Cultura, Mario Outeiro Iglesias. O orzamento desta obra é de 23.350,70 euros dos cales o Concello aporta o 5%. O prazo de execución é de dous meses”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “con esta obra de acondicionamento exterior, o Concello súmase tamén ao esforzo de recuperación e adecentamento que están a facer os veciños e veciñas do casco histórico. Paso a paso, lograremos que a nosa zona vella sexa cada vez máis atractiva e agradábel para nós mesmos como ribadenses e para todas as persoas que nos visiten”.