Suárez Barcia manifestou que “encarando agora a parte final deste ano 2012 estamos iniciando as obras de amaño dun treito da avenida Calvo-Sotelo, continuando as feitas xa hai varios anos, e agora gracias ao convenio do ARI entre a Xunta, o goberno do Estado e o Concello seguiremos humanizando esta rúa nuns 60 metros máis”. O rexedor explicou que “iremos colocando o mesmo material que o empregado no treito inicial xa amañado. Agora soterraremos o cableado do alumeado, da telefonía, tamén iremos substituindo as tuberías que estaban bastante deterioradas: abastecemento de auga, saneamento e separtivo de pluviais e procederemos á eliminación de barreiras arquitectónicas. En Ribadeo nos últimos anos fomos punteiros nesta materia, en facer unha vida máis accesible para a xente que ten dificultades desde o punto de vista da mobilidade. E na liña das últimas rúas nas que estivemos a traballar poñeremos algunha árbore nova nesa zona, manteráse a doble circulación, pero o aparcamento quedará reducido a unha das bandas nada máis porque é imposible poder compatibilizar absolutamente todo. As beirarrúas serán agora máis anchas, porque as actuais non cumpren as normativas actuais de anchura”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “é unha liña na que seguimos a traballar no casco vello de Ribadeo e este vial forma parte do conxunto histórico de Ribadeo. Son actuacións nas que seguimos a traballar xunto a outras administracións, agora en menor medida que en anos anteriores pola cuestión presupostaria, pero indica da tenacidade e da intención de converter o casco vello de Ribadeo nun lugar atractivo para o turismo, nun lugar atractivo para a visita e para iso o temos que ter en perfecto estado de revista, cos espazos públicos modernos, actualizados e aptos para a xente poida disfrutalos tamén desde o punto de vista comercial”.

Fernando Suárez pide disculpas polas molestias que se poidan ocasionar ao longo das vindeiras semanas, “faremos ruido, andaremos coa piqueta, pero despois o treito que se vai amañar dará gusto velo”. O investimento que se vai realizar  ascende a 110.000 euros.