Fernando Suárez expresou “en público a miña queixa e a miña preocupación como alcalde de Ribadeo por ver cómo están indo paseniño as obras da ponte de Arante. Sei que efectivamente a Deputación, que é a propietaria e titular desa vía de comunicación, adxudicou unhas obras por un prazo de execución duns seis meses, pero hai un tempo cando o señor Besteiro veu aquí asegurou e aseguróume a min diante de todos os veciños, que se non houbese problemas a ponte estaría lista para a festa das Cruces”. O rexedor di que “a xulgar polo que fun vendo nestas últimas semanas dubido moito que as obras estean listas para as festas da Ponte de Arante deste 2011. Será para o ano que ven, porque para este non creo, vendo un operario cun chimpín traballando alí e outra cunha eixada realmente é moi pouco o ritmo de execución ao que se está a traballar”.

O alcalde de Ribadeo manifestou que “debo dicir tamén, aínda que non quero agriar ningunha relación institucional xa que deben ser cordiais, pero no proxecto de construcción dunha nova ponte non contemplan a substitución nin o cambio nin o desprazamento de determinados servizos esenciais que pasan pola ponte, como son o servizo de augas, de telefonía, de electricidade… E aí nos únicos nos que o Concello ten competencia para botar unha man é no servizo de augas e a empresa concesionaria ten instruccións de non poñer problemas e obstáculos e de facilitar o labor no posible”. Suárez Barcia lembrou que “é a Deputación a que ten que falar con Telefónica e con Begasa e quen ten remover os obstáculos, que si postes, que si cableados que impiden acelerar o ritmo das obras”.

Fernando Suárez dixo que “onte mesmo e a semana pasada cando fun por alí observei que os veciños están doentes e non me estrana, porque ven que está pasando un tempo magnífico e que realmente o ritmo de execución das obras é extremadamente lento”. O alcalde pídelles “aos responsables políticos da Deputación que ordenen e dean as instruccións pertinentes para axilizar a obra e que vexamos xa nestes días unha cuadrilla de traballadores alí. Non dubidamos que os que están na zona o fagan ben, pero por moi ben que o fagan sendo dous non acabarán nos prazos marcados nin por aposta”.