O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou que “aproveitando este bo tempo que temos seguimos traballando a reo no aglomerado dunha serie de vías municipais tanto nas parroquias da costa como nas do interior. Entre onte e hoxe estamos traballando en Ove, concretamente no Chao de Ove e máis na Palmeira, dous barrios diferentes en Vilela, ou mesmo en San Vicente de Covelas, que se ven unir a toda esta rede que nestes días anteriores estivemos traballando noutros lugares e que estamos dando un cambio substancial e moi importante a este rede tan grande de vías municipais que temos en Ribadeo. Moitas destas obras estamos facéndoas con fondos propios e algunhas outras co apoio doutras administracións”.

O rexedor ribadense lembrou que “xunto con estas actuacións que estamos facendo nestes días, segue aberto o prazo de presentación de proposicións deste plan tan ambicioso e tan importante, o Plan Único, que levamos adiante entre o Concello e a Deputación, e que o prazo de presentación de solicitudes para as empresas que queiran concorrer a estas obras remata o día 5 de outubro. O importe total é de 251.000 euros e dividímolo en seis lotes en diferentes parroquias tanto da costa como do interior”.

Suárez Barcia engadiu: “esperemos que, dentro de non moito tempo, xunto coas obras que tamén a Deputación está facendo nos seus viarios, as parroquias da vila de Ribadeo teñan un cambio para ben moi importante”.