Fernando Suárez sinalou que “son momentos complicados os que estamos a vivir porque as administracións cada vez teñen menos diñeiro, tanto cos concellos como a Xunta ou a Deputación, pero con todo debemos seguir facendo actuacións que melloren as vías de comunicación. Iste é o caso do convenio que acabamos de asinar en Lugo, polo cal Xunta e Ministerio investirán 72.000 euros para facer un treito importante da subida a Noceda con aglomerado asfáltico, tendo en conta que esta subida desde a parte costeira da Devesa ata a parte interior que comunica con Covelas e con Arante é un treito moi demandado por moita xente das parroquias do interior, que así evita ter que dar unha volta pola vila de Ribadeo”.

Para o alcalde “ista é unha infraestructura que está moi deteriorada, aínda que hai uns meses fixemos un rebacheo importante, pero agora con esta capa de aglomerado asfáltico que desde o goberno municipal decidimos concentrar nese vial para poder facelo máis accesible desde as parroquias do interior cara a costa”.

Suárez Barcia explicou que “tamén estamos a realizar actuacións no ámbito urbano na zona da Ronda do Cárcere xusto ao pé da Escola de Música, nun treito do que levamos recibido moitas queixas, había xente que caía e que tropezaba polo estado degradado do chan, e nesta mañá estamos a actuar dándolle unha nova capa de aglomerado asfáltico”. E engadiu que “con estas pequenas cousas tanto na vila como nas parroquias seguimos traballando e confiando en que nos próximos días tamén a Deputación Provincial de Lugo nos bote unha man, que será a que lle boten a todos os veciños e veciñas do concello e non só ao goberno municipal de Ribadeo”.