O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “empezamos a semana tamén cunha licitación no que ten que ver con obra pública importante. Neste caso derivada das dúas áreas de rehabilitación integral que temos en Ribadeo, unha o propio casco vello, o conxunto histórico de Ribadeo, e o outra o conxunto histórico de Rinlo”.

O rexedor explicou que “con este convenio, entre o Ministerio de Fomento e máis o Concello de Ribadeo, licitaremos a mellora de dous espazos públicos. O primeiro deles é a rúa do Porto, de Rinlo, e o segundo é a rúa Juan Suárez Acevedo, en Ribadeo. A obra de Rinlo son 36.000 euros e a de Ribadeo son 27.000 euros. En total estamos a falar dunha inversión de 68.900 euros dos cales o Ministerio de Fomento asume 13.400 euros, sendo o resto, 55.000 euros, con cargo a fondos propios do Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia subliñou que “a partir de mañá ábrese un prazo de vinte días para que todas aquelas empresas que estean con capacidade para presentar propostas, poderán facelo. Teñen máis información na plataforma de contratos do Estado e tamén no perfil do contratante da páxina web do Concello de Ribadeo”.

O alcalde engadiu que “o criterio para a adxudicación vai ser fundamentalmente o económico, hai unha parte menor que é menos tempo de execución da obra, pero vai primar a oferta economicamente máis vantaxosa para o Concello”.

Fernando Suárez indicou: “queremos contribuír con todo isto a mellorar ese estado de deterioro no que se atopaban estes dous espazos públicos, non soamente para os usuarios e residentes dese entorno, senón tamén para moitos viandantes que a miúdo e a cotío utilizan estes espazos do conxunto histórico tanto de Ribadeo como de Rinlo”.