O rexedor anunciou hoxe que “estamos encarando xa o remate deste ano, pero seguimos cumprindo os compromisos que nos marcamos no orzamento de 2018, concretamente na área de rehabilitación integral de Ribadeo e na de Rinlo. De aí que, xunto coas rehabilitacións que se favorecen desde as administracións públicas, tamén desde elas estamos realizando melloras nos espazos públicos”.

Fernando Suárez detallou que “estamos iniciando as obras no casco histórico de Ribadeo, concretamente na rúa Juan Suárez Acevedo, unha pequena rúa indo cara ao porto de Porcillán. A outra actuación é na rúa do Porto, en Rinlo, na área de rehabilitación integral desa parroquia. Entre as dúas obras, aproximadamente son 30.000 euros cada unha de orzamento, 60.000 entre as dúas, e son financiadas entre o Concello de Ribadeo e o Ministerio de Fomento. Para a rúa Juan Suárez Acevedo, de Ribadeo, a empresa adxudicataria que mellor oferta fixo foi a empresa Ramsey, e na rúa do Porto, de Rinlo, a empresa adxudicataria foi Gestión Gratelu SL”.

O alcalde manifestou que “cando se fan obras molestamos sen ningún xénero de dúbidas. Intentamos minimizar as molestias e os ruídos, pero durante uns días, durante o tempo que se executan as obras, sen dúbida hai unha molestia, pero iso vese compensado porque despois o resultado é magnífico tanto para os residentes, que habitualmente viven alí, como tamén para o resto de veciñanza e de xente, que no casco histórico de Ribadeo e no conxunto de Rinlo, acude ano tras ano, e cada vez en maior número”.