O rexedor manifestou que “o Concello está actuando en dous ámbitos dos conxuntos históricos que ten Ribadeo, que é no casco vello de Ribadeo e máis no de Rinlo. Estamos levando adiante o amaño integral en Ribadeo da rúa Guimarán na súa totalidade, que empeza no encontro coa rúa Antonio Otero e remata na praza de Guimarán. É un recuncho moi bonito do casco histórico de ribadense que convive entre rúas e escaleiras, moitas veces descoñecido para os visitantes e para a xente de Ribadeo. Cando estean rematadas estas obras, a finais deste mes, dará gusto dar un paseo por alí”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “no que ten que ver con Rinlo é o remate da rúa Esperanza na súa segunda fase, dado que o ano pasado se fixera a primeira e agora é un tramo menor que queda, pero é conveniente rematalo”.

Fernando Suárez subliñou que “as obras no seu conxunto están sufragadas na maior parte por fondos propios do Concello de Ribadeo, por fondos municipais, aínda que tamén conta con axudas da Xunta de Galicia e do Ministerio. A obra da rúa Guimarán ten un importe duns 36.000 euros de custe de execución con IVE, con gastos e con beneficio industrial, e vai ser realizada pola empresa Cazás e a finais deste mes terán que estar rematadas as obras. A obra de Rinlo supón un custe de de 23.000 euros e terá que executala a empresa que gañou a mellor oferta, Gestiones y Soluciones A Mariña SL”.

O rexedor ribadense dixo que “sen dúbida sempre que se fan obras hai molestias aínda que despois de todo o traballo o resultado tanto para os veciños, para os usuarios e os visitantes acaba sendo moi bo. Seguramente que teñan que escoitar algún ruído de escavadora, algún ruído de máquina, algo de lama e algo de po, pero ao final dese proceso o resultado será sen dúbida moi bo para Ribadeo e o seu conxunto”.