O rexedor comentou que “agora despois destas semanas con tanta actividade e tanta xente é cando podemos empezar con máis tranquilidade e calma as obras que tiñamos previstas. Unha delas é esta de mellora no pavimento e no reforzo da rede do saneamento na rúa Alza, que entronca na avenida de Asturias e vai ata o cemiterio municipal de Ribadeo”.

Fernando Suárez dixo que “estas obras que empezan a partir de hoxe van permitir dotar dun novo pavimento en aglomerado asfáltico e vaise aproveitar tamén para modernizar as instalacións soterradas de saneamento, tendo en conta a situación límite dalgunhas delas debido ao paso do tempo”.

O alcalde ribadense subliñou que “esta inversión que supón máis de 50.000 euros é financiada con fondos propios do Concello de Ribadeo e máis cun aporte da Dirección Xeral de Administración Local. O prazo de execución vai ser ao longo do mes de setembro”.

Suárez Barcia declarou que “cando se fan obras temos que facer cortes de tráfico, ruído e molestias, pero seguramente o resultado acaba sendo do agrado dos veciños neste caso dos que viven na contorna da rúa Alza e tamén dos usuarios posto que é unha rúa moi transitada porque vai ao cemiterio municipal”.

O rexedor de Ribadeo indicou que “durante estes días de obras e de execución dos traballos vai haber modificacións na ordenación do tráfico desa zona, o cal a través da Policía Municipal vaise ir avisando coa correspondente sinalización viaria para que todo o mundo poida manter as súas actividades. Alí hai hoteis e actividades económicas que deben seguir traballando no día a día, pero debemos intentar compatibilizar todo para que a molestia sexa a mínima posible, e a execución dos traballos sexa no tempo o máis curto posible sempre dentro deste mes de setembro”.

O alcalde está a enviar cartas aos veciños e veciñas da rúa Alza nas que os informa do inminente inicio destas obras.