O alcalde, Fernando Suárez, contou que “nestes días, aproveitando este bo tempo que temos, seguimos traballando desde o goberno municipal de Ribadeo, neste caso con estas obras de mellora, que anunciamos tempo atrás, de aglomerado nos accesos a núcleos de diferentes parroquias tanto da costa como do interior”.

O rexedor ribadense explicou que “estes días estamos traballando en Piñeira, concretamente no barrio da Igrexa e nas Cruces, onde se está actuando con aglomerado asfáltico, que é como queda ben esta solución cunha continuidade durante moitos anos e unha estabilidade do firme que o fai moi duradeiro”.

Suárez Barcia engadiu que “tamén estamos traballando na parroquia da Devesa, concretamente no Barrio Novo, da Rochela, e máis en Cinxe”.

O alcalde dixo que “estamos continuando con outros lugares e con outras parroquias tendo en conta que isto forma parte dun gran plan municipal totalmente de fondos propios, pero que está sendo acompañado por outros programas, neste caso con apoio tamén do Plan Único da Deputación, e que nestes días estamos en medio dun estudio de ofertas e de adxudicación para facer tamén nas vindeiras semanas”.