O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “ao igual que hai poucos días iniciamos as obras no ámbito urbano coa mellora da rúa da Alza, hoxe dan comezo tamén os traballos no ámbito das parroquias, singularmente en Remourelle e en Arante coa mellora de dúas vías de acceso principais a estes núcleos de poboación, que se atopan moi degradadas”.

O rexedor dixo que “queremos aproveitar o plan marco de mellora de camiños municipais que está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Local e polo Concello de Ribadeo en gran medida e en menor medida polo Estado e pola Xunta”.

O alcalde ribadense subliñou que “en total coas achegas de todos sumamos máis de 72.000 euros que imos utilizar para amañar e mellorar o pavimento existente mediante unha nova capa de aglomerado en quente duns seis centímetros de espesor, limpeza de gabias, etc… e imos actuar en máis de dous quilómetros e vai ser un novo impulso a esta zona interior de Ribadeo que seguirá nos próximos tempos con outras vías”.

Suárez Barcia asegurou que “estas obras témolas fixadas nun marxe de tempo de duración de mes e medio, pero contamos telas executadas antes. A empresa adxudicataria, Isidro Otero de Mondoñedo, vaise aplicar agora para aproveitar o bo tempo destas datas e que permita facelas canto antes e na mellor calidade”.