O rexedor sinalou que “desde o Concello de Ribadeo, co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, vamos iniciar unhas obras importantes na praia das Catedrais, da que tanto se fala ao longo do ano, non soamente na época estival e para a que tan pouco nos axudan outras administracións, agás a Deputación Provincial de Lugo”.

Suárez Barcia dixo que “estes traballos xa os tiñamos previstos para ampliar uns servizos, retiralos dese primeiro acceso, onde están actualmente, dado que en ningún sitio na entrada da cociña está o cuarto de baño. Polo tanto na entrada da praia das Catedrais non pode haber alí uns servizos. O que vamos facer é retranquealos para atrás para que queden disimulados, e que sexan máis en número para homes, para mulleres e para discapacitados. Así na parte frontal quedarán soamente duchas e o que son instalacións para a Cruz Vermella, socorristas, etcétera. Toda esta inversión, que supón un pouco máis de 40.000 euros, está integramente sufragada pola Deputación Provincial”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “o que pretendemos tamén é que se poida eliminar definitivamente o risco de posibles fugas de augas residuais á praia, algo que nos últimos tempos non estaba pasando porque estamos periodicamente cun camión absorbendo todo ese material. Pero agora, coa nova disposición e planificación, non vai haber ese risco en ningún caso. No que queda de ano faremos toda esta obra e así contribuiremos a ir mellorando esta praia e seguiremos ao mesmo tempo loitando para que o areal e todo o entorno sexa declarado parque natural das Catedrais”.