Fernando Suárez informou hoxe “do inminente inicio na execución das obras de mellora das rúas Francisco Lanza e Alfredo Deaño. Unhas obras importantísimas, cun orzamento de máis de 315.000 euros, que sufragamos o Concello de Ribadeo e máis a Deputación de Lugo, a través do Plan Único, confirmándose outra vez máis que a Deputación é o organismo, máis aló do Concello, que lle axuda a Ribadeo, tal e como se ve nestas obras potentísimas”.

O alcalde dixo que “estas obras serán para modificar, mellorar, humanizar e embelecer toda unha zona educativa dos colexios, deportiva e residencial, porque aí ademais de que vive moita xente tamén está a residencia de maiores que canto antes poñeremos en funcionamento”.

Suárez Barcia explicou que “imos cambiar todos os pavimentos, modernizar as beirarrúas. Concretamente no caso da rúa Alfredo Deaño, esas beirarrúas van ser máis amplas do que son agora mesmo, dado que neste momento non cumpren as normativas mínimas para un paso seguro e cómodo dos peóns, significando que son transitadas diariamente por centos de rapaces e rapazas que van aos institutos e aos colexios. Ao mesmo tempo aproveitaremos tamén para modernizar as instalacións soterradas existentes como pluviais, de subministro eléctrico ou de alumeado público. Tamén imos colocar novas farolas, mobiliario urbano, árbores e habemos eliminar as barreiras arquitectónicas”.

O rexedor sinalou que “para o caso concreto da rúa Alfredo Deaño, dado que imos acometer unha ampliación das beirarrúas, significará que ao remate destas obras esta rúa quedará nun só sentido de circulación, desde a rotonda do Xardín ata a estación de Feve, e a rúa Francisco Lanza manterá os seus dous sentidos actuais, tal e como nos indican desde a Policía Local de Ribadeo, para unha mellor circulación do tráfico e do fluxo dos vehículos”.

Fernando Suárez engadiu que “as obras van durar dous meses aproximadamente. Habemos facer molestias como sempre, habemos facer ruído, habemos facer po, pero, como sempre digo, para facer tortilla hai que romper ovos. Eu penso que ben vai pagar a pena un tempo de certas molestias para que o resultado final de toda esta área, de toda esta zona onde vive moita xente, pero onde frecuenta moitisima máis, sobre todo escolares e dentro de pouco tempo xente ben maior que irá a residencia, e queremos polo tano ter toda esta zona empatenada e como se merece”.

O alcalde envía estes días cartas aos residentes nas rúas Alfredo Deaño e Francisco Lanza para comunicarlles o inicio destas obras.