O rexedor dixo que “estamos a falar dunha serie de obras que nestes días todo o mundo está vendo que se están executando en diferentes partes da vila de Ribadeo e polas que moita xente pregunta de que se trata. Quero explicar que son as obras que está facendo a empresa Gas Natural. Como todo o mundo sabe, Ribadeo dispón de rede de gas dende hai anos, pero era outro tipo de gas, doutra compañía anterior, e era gas propanado. Dentro de pouco vai ser cambiado a gas natural e polo tanto a nova empresa concesionaria deste servizo precisa facer novas instalacións de válvulas e ir completando rede, que ata agora existía, pero que en moitos puntos non estaba conectada entre si. Están facendo pequenas obras de conexión en diferentes puntos e diferentes espazos públicos e vías, tanto na parte nova como na parte vella de Ribadeo”.

Suárez Barcia explicou que a previsión do Concello é que as obras estean acabadas en fin de ano: “contamos que estas obras estean rematadas a final deste ano porque queren precisamente a partir de aí substituír o tipo de gas.  Tamén dende hai un tempo hai xente que pregunta que fai un depósito de gas nuns terreos ao final da Avenida Rosalía de Castro. É un depósito que está por parte desta empresa situado aí para dar un servizo temporal. Non é algo definitivo e, aínda que cumpre con toda a normativa e as medidas de seguridade, está de xeito temporal”. E engadiu que “cando acaben estas obras a empresa ten que repoñer exactamente todo o que estivo rompendo e modificando ao seu estado natural. Se non, por parte dos servizos técnicos obrigaríaselles a refacelo”.