O alcalde, Fernando Suárez, contou que “agora, aproveitando o bo tempo, desde o Concello de Ribadeo estamos realizando unha serie de obras, neste caso uns aglomerados na parroquia de Covelas, no barrio de Marelle, entre Saa e Marelle. Estamos aglomerando un acceso a explotacións agrícolas de 1.050 metros de lonxitude e por un presuposto de licitación de 62.500 euros. Esta obra foi adxudicada a Construcións Cazás”.

O rexedor subliñou que “temos que valorar moi positivamente porque, dos 62.000 euros, o 55% provén de fondos europeos, o 25% son de fondos municipais, o 12% son de fondos autonómicos e o 5% son fondos do Estado, do Ministerio de Administracións Públicas”.

Suárez Barcia engadiu que “nestes días quedarán rematadas estas obras que contemplan non soamente o aglomerado, senón tamén o pintado e poñer uns cordóns de saburra (zahorra) polas marxes, para que logo a circulación de bicicletas ou de ciclomotores non sexa perigosa”.

O alcalde dixo que “continuamos polo tanto actuando nas parroquias, neste caso nunha do interior, co ánimo de seguir en todas, nas da costa e nas do interior. Seguramente estamos actuando con algo menos de intensidade neste concello, como o resto de concellos, pola situación social e económica que estamos a vivir, pero temos que seguir apostando polo medio rural e polas nosas parroquias”.