O rexedor subliñou “a importancia que supoñen estes dous obradoiros de emprego, un deles para melloras no Camiño de Santiago, tanto a nivel de programación cultural como de actividades de xardinería, etc. E o outro obradoiro de dixitalización de fondos municipais, que supón unha continuidade dos outros que estivemos a face en anos anteriores”.

Para Suárez Barcia “é importante a posibilidade que se lles da a 36 persoas para poder formarse e encarar mellor o mercado laboral. E ao mesmo tempo valorar estes fondos públicos que nunha parte moi importante proveñen de Fondos Europeos, e que son trasladados desde a UE ao Servizo Público de Emprego Estatal, que á súa vez os traslada á Consellería de Economía e Emprego e que á súa vez llos traslada ao Concello de Ribadeo, como é o caso”.

O alcalde engadiu: “polo tanto a colaboración entre todos, desde a parte máis alta da Unión Europea ata abaixo onde está o Concello, pasando polo Ministerio e pola Consellería, o esforzo de todos está a dar como resultado unha mellora nos nosos fondos históricos municipais e ao mesmo tempo das actividades relacionadas co Camiño de Santiago e, como non, a formación destes homes e mulleres, nuns casos menores de 30 anos e noutro obradoiro maiores desa idade, que están a aproveitar un período da súa vida para reciclarse, para aprender novos coñecementos e para encarar mellor os retos do futuro laboral”.