Segundo explican os propios organizadores “trátase de xornadas abertas á cidadanía, a asistencia é libre”. E lembran que “nunha fase previa, contando tamén coa participación cidadá, elaborouse o Catálogo de Paisaxes de Galicia, que deu como resultado un documento de carácter técnico que aborda a primeira etapa da planificación da paisaxe, consistente na súa análise e diagnose. Ese documento está en exposición pública para a presentación de alegacións”.

O obradoiro sobre a Grande Área Paisaxística da Mariña-Baixo Eo e Comarca Paisaxística Mariña-Baixo Eo Litoral terá lugar este sábado a partir das 11 da mañá na Aula CeMIT, situada na Casa da Xuventude.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, celebra 50 talleres destas características en toda Galicia. Os asistentes “poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto a características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe”.

As persoas interesadas en asistir a este taller poden inscribirse nos seguintes teléfonos: 981 54 17 55 e 981 54 17 56 ou na seguinte dirección de correo electrónico: secretaria.iet@xunta.es