Segundo explican desde a EMMeD de Ribadeo “o obxectivo desta actividade é que as persoas participantes sexan capaces de empregar o seu corpo con máis soltura e menos rixidez, sendo a técnica Alexander unha práctica esencial na aprendizaxe tanto das artes escénicas coma musicais. A través da devandita técnica preténdese conseguir que as persoas que se acheguen ao obradoiro sexan quen de redirixir a tensión innecesaria e máis a rixidez muscular, propiciando unha interpretación máis fluída e máis viva axudando a un mellor resultado final. Tamén axuda a desprenderse das tensións crónicas que se van acumulando ao longo dos anos  e que poden chegar a condicionar o xeito de actuar, de moverse, de cantar ou de tocar un instrumento”.

O obradoiro que se vai celebrar en Ribadeo está dividido en dous días (15 horas), en horario de mañá e tarde, e con práctica tanto grupal coma individual con sesións de 45 minutos nas que a docente analizará as necesidades específicas de cada persoa participante co obxectivo de dar resposta ás mesmas. A data límite para a inscrición é o luns 2 de xullo e ten un custe de 50 euros para o público xeral e de 35 euros para o alumnado e profesorado da EMMeD de Ribadeo, músicos/as da BMR, persoas desempregadas ou familias numerosas. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 982.130.856.