Esta actividade, incluída no programa Tech Kids de Amtega, pretende iniciar os mozos e mozas na programación dun xeito entretido separando ao alumno ou alumna da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot.

A concelleira de Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, comentou que “o día 9 de agosto, desde as dez da mañá ata as dúas da tarde, se vai celebrar un obradoiro de robótica dirixido a mozos e mozas entre 9 e 16 anos”.

A edil ribadense dixo que “este obradoiro se inclúe no programa Tech Kids 2019 de Amtega en colaboración co Aliado Dixital-Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. As prazas son totalmente gratuítas, pero é necesaria a inscrición que se vai desenvolver desde o día 29 de xullo ata o 5 de agosto, ambos inclusive”.

Álvarez Lastra sinalou que “a forma de inscribirse é presencial na Aula CeMIT de Ribadeo, no teléfono 982 120 732 ou online. As prazas son limitadas, soamente vai haber 14. Trátase de facer e programar robots. O programa máis detallado poden atopalo na páxina da Aula CeMIT do Concello de Ribadeo”.