Hoxe reúnense as comisións informativas nas que se analizan os asuntos que se debatirán no pleno do luns. Suárez Barcia dixo que “no vindeiro pleno ordinario que terá lugar a semana que ven son dous os puntos máis importantes. Un deles é unha pequena modificación das bases das axudas para os áreas de rehabilitación integral tanto do casco vello de Ribadeo como de Rinlo, onde a máxima porcentaxe subvencionable pasa do 80 ao 75%, aínda que se mantén unha contía máxima de 10.000 euros por actuación. É algo que ven dado por unha disposición autonómica e non nos queda outra que aceptar”.

O alcalde explicou que “a cuestión máis importante é unha proposta da Alcaldía de revocación dun acordo do último pleno ordinario onde propuxemos o incremento do IPC no IBI (imposto de bens inmobles) deste 2012. Naquela sesión plantexamos esa suba do 3’8%, pero agora queremos deixar sen efecto este acordo porque sobre o IBI lexislou o goberno do Estado hai moi poucos días. Trátase dunha modificación legal de carácter obrigatorio para os Concellos pola que vai subir o IBI en concellos coma o noso, no que temos unha ponencia catastral moi antiga, un 10%”.

Suárez Barcia subliñou que “non queremos gravar en demasía e non queremos xunto co incremento obrigatorio por parte do Estado do 10% acumular o noso 3’8%. Deixaremos sen efecto a nosa suba, que era moito máis comedida, moito máis simple e agora aplicaremos, como o resto dos Concellos, o que nos obrigan desde o goberno do Estado. Como non queremos que sexan acumulativas as dúas subas revocamos o noso acordo para aplicar só o que nos marca o goberno do Estado”.