Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar (Sés) é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos coma Zënzar, mítica banda rockera de Cereceda, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández  no seu disco Arrolos de Salitre no que interpreta Caneando ruainas, unha peza escrita nunha antiga xerga empregada polos canteiros ourensás. María Xosé Silvar  emprendeu un novo proxecto no que ademáis das súas dotes interpretativas – torrente de voz espontáneo – amosa o seu talento como compositora.

No 2012 publica  Admirando a condición, o primeiro disco de Sés (o nome «caseiro» de María Xosé Silvar), un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.  Ritmos americanos repensados en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario.

Desde o CIM explican que “a súa formación en xénero, permitíralle impartir unha charla ao alumnado na que lles falará da súa experiencia como música, do papel das mulleres ao longo da historia na música, e das discriminacións que por mor do xénero sofren as mulleres no eido musical. Utilizará conceptos xerais sobre as diferenzas entre mozas /os para co fin de visibilizarlles a igualdade que ten que imperar nas relacións entre as persoas. A súa linguaxe fresca, fluída, directa e as veces irreverente e maleducada permítelle conectar co público adolescente facilmente. Ese vínculo comunicativo e empático que xera é o que nos posibilita que a transmisións dos valores da igualdade entre mulleres e homes teñan máis éxito que nun obradoiro ao uso”.