Suárez Barcia sinalou que na noite do venres ao sábado o servizos de Protección Civil e a Garda Civil “traballaron sen descanso para tentar axudar en todo o que puidemos e quero agradecerlles todo o que fixeron. Puiden acreditar cos meus propios ollos o auxilio que lles tivemos que dar a dúas anciáns que vivían soas. Nun dos casos un refacho de vento arrincou o tellado da casa e no outro en Piñeira a cuberta da vivenda quedou moi afectada”.

O rexedor asegurou que “temos danos importantes na cuberta da piscina municipal e nunha pista cuberta do colexio público; hai danos tamén moi importantes nunha empresa de conxelados en Vilaselán… caeron á vía pública: lousas, tellas e outros obxectos que estropearon algúns coches. Incluso o GRUMIR tivo que tirar varias chimeneas para evitar males maiores. Caeron postes do tendido eléctrico, árbores que cortaron varias pistas municipais e agora que son as 11 da mañá seguimos sen luz na parroquia de Couxela, no núcleo de Piñeiro e nunha parte de As Anzas”. Fernando Suárez engadiu que “levo toda a fin de semana en contacto con Begasa e coas empresas que traballan para recuperar o suministro eléctrico e dinme que nestas zonas se restablecerá nas vindeiras horas”.

O alcalde apuntou a unha circunstancia extrema que se deu esta fin de semana en Ribadeo “o Centro de Saúde non tiña un grupo autónomo que lle permitira traballar e tivemos que cederlles o noso… tivemos que renunciar a darlle uso noutras instalacións públicas porque considerábamos importante que o PAC tivese un mínimo vital de prestacións para traballar”.

Suárez Barcia acompañou este mediodía ao Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, na visita que cursou a este concello para supervisar os danos causados polo temporal. O titular de Industria dixo que haberá axudas para os afectados e queixóuse do trato que as empresas eléctricas lles dispensaron aos seus clientes en pleno temporal. Felicitou eso sí aos operarios que traballaron sen descanso para restablecer o suministro eléctrico “pero é que a situación foi excepcional porque caeron as liñas de alta, de media e de baixa tensión”.