Son 55 os locais participantes nesta cita, dos que entre dez e doce pasarán á final. Desde que deu comezo o Ribadeo de tapeo dous profesores de Hostalería de Tapia, unha profesora de Hostalería de Foz e un especialista e profesional de hostalería: Rubén Díaz, Héctor González, Ana Martínez e Miguel Ángel Sánchez, respectivamente percorreron os bares, mesóns e restaurantes para facer a preselección das mellores tapas. E durante a fin de semana a eles uniranse outras seis persoas para decidir o nome dos gañadores. Achegaranse ata Ribadeo: o director de GastroRadio e consultor gastronómico, Pablo Márquez; o documentalista e director Enrique Baixeras; a xornalista Mª José Fernández; o xornalista gastronómico Miguel Vila; o blogueiro e experto en cociña Manuel Gago; e o xefe de cociña do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Roberto Whalter.
Será o vindeiro luns, 20 de maio, cando se dean a coñecer os nomes dos finalistas e dos gañadores da oitava edición do Ribadeo de tapeo.

O rexedor lembrou que “estamos encarando xa a recta final deste evento, desta exitosa edición do Ribadeo de tapeo, que organiza a miña compañeira Ana Martínez, a concelleira de Desenvolvemento Local, e desta novidosa cita dada a grande afluencia de público que estes días estivo a consumir as tapas dándolle vida a este Ribadeo comercial, a este Ribadeo gastronómico… “. Fernando Suárez subliñou “o traballo que fan todos os restauradores que dan o mellor de sí para facer estas pequenas creacións en miniatura” e engadiu que “cada no implementamos novas experiencias como foi este ano esta aplicación para teléfonos móbiles tanto para a plataforma android como para ios, que tivo numerosísimas descargas. Desde a empresa que controla esta aplicación din estar sorprendidos de cómo puido ter tanta difusión en tan poucos días. Varios milleiros de persoas xa votaron a través desta aplicación, que está moi ben valorada xa que obtivo un 4’78 sobre un 5. Trátase dunha aplicación moi boa que teremos que seguir utilizando para máis eventos que organicemos desde o Concello de Ribadeo”.

O alcalde de Ribadeo indicou que “agora o xurado especializado visitará durante a fin de semana os locais finalistas e o luns coñecerase o nome dos gañadores do Ribadeo de tapeo 2013. O importante aquí non é gañar, o importante é participar e si alguén gaña aquí é Ribadeo. Quero animar aos veciños de Ribadeo, da comarca da Mariña e do Occidente asturiano para que aproveiten esta fin de semana, que será un pouco pasada por auga, pero iso non nos impedirá seguir degustando as maravillosas tapas que prepararon os nosos hostaleiros”.