Mañá irá a pleno extraordinario no Concello de Ribadeo, o sétimo convenio para o Área de Rehabilitación Integral do centro histórico, que suporá un investimento total de 520.000 euros.
Para a rehabilitación de 20 vivendas destínanse 400.000 euros, dos que o Ministerio de Vivenda aporta 120.000, a Consellaría de Vivenda 100.000 e os 180.000 restantes terán que ser achegados polos propietarios dos inmobles. O convenio contempla tamén 120.000 euros para a urbanización de rúas e espazos públicos. Desa cifra o Ministerio achega 36.000 euros, a Consellaría 30.000 e o Concello de Ribadeo 54.000 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, lembra que “se xestiona todo desde o Concello, con Patrimonio, con Vivenda e os proxectos fanse de xeito gratuíto sempre e cando non sexan obras maiores, é dicir que afecten á estructura do inmoble”.
O primeiro dos convenios do ARI asinouse no ano 2002 en Ribadeo.
O pleno extraordinario de mañá mércores 24 de setembro dará comezo ás sete da tarde.