O vindeiro sábado, 16 de agosto, celebrarase en Ribadeo a primeira carreira lúdico festiva O Rei do Adoquín. Trátase dunha iniciativa deportiva e cultural organizada polo Club R Fusión e a tenda Hola Ola, en colaboración co Concello de Ribadeo e Acisa. A carreira terá a súa saída ás 22:00 horas no bar Mariñeiro e recorrerá o casco vello. Os interesados poderán inscribirse de maneira gratuíta dende as 21:00 horas na propia saída e contarán cun posto de avituallamento no medio do recorrido. Haberá premios en forma de agasallos lúdicos para o primeiro e primeira en chegar, para o primeiro que pise a meta disfrazado, para o que o faga cun cativo e para o que apareza cun can.

Vicente Castro, concelleiro de Deportes de Ribadeo, describiu a iniciativa coma “novidosa, lúdica, cultural e incluso turística” e afirmou: “trátase dunha proba de promoción do casco vello de Ribadeo que ten ademais da faceta deportiva, unha parte lúdica. É unha proba corta que sae do bar Mariñeiro e acaba no Concello. Conta cuns 500 metros, aínda que ten a súa vertente dura por ser toda costa arriba.  Ten a súa parte deportiva para quen a queira facer en plan de competir e gañar, e ten a súa parte lúdica para a xente que queira participar divertíndose, que supoño será a maioría”.

O edil explicou que “foi unha iniciativa que me presentaron dende Hola Ola e R Fusión. Pareceume unha idea moi boa e dende o Concello decidimos darlle para adiante. Por iso, convido a tódolos ribadenses e foráneos que nos visitan estes días a participar a partir das dez da noite do día de San Roque nesta carreira. Sabemos que é unha proba moi corta, que en media hora estará rematada, polo que tamén permite tomar uns viños e unhas cañas despois e ir de verbena. Hai tempo para todo”.

Dende a organización animan tamén a xente a participar. Ramón Cabodevila, responsable de R Fusión e organizador da carreira, recordou que “a idea nace despois dun adestramento de inverno do club polo casco vello. Decidimos usar a fisionomía do pobo coma fan en moitos outros lugares e quixemos aproveitar unha peculiaridade tan boa coma é que as rúas de Ribadeo conten con adoquíns”. David Martínez, propietario da tenda ribadense Hola Ola e co organizador engadiu que “ueremos darlle valor a esta costa porque é moi importante para Ribadeo xa que era a porta á ría, ao mar e ao mundo e por ela subían todas as mercancías. Por iso queremos animar a toda a xente a que veña  correr, gozar e coñecer esta zona tan fermosa de Ribadeo coma é o casco vello”.