O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “foi un pleno moi importante, cheo de cousas moi importantes para Ribadeo, e que ademais a maior parte delas foron aprobadas por unha ampla maioría ou cando non cos votos do grupo do goberno do BNG e coa abstención do resto dos grupos. Pero gustaríame destacar de entre todos, a aprobación case unánime que tivemos do Plan Xeral de Ordenación Municipal  no sentido de que a maioría da Corporación, é dicir once concelleiros dos trece que somos, votamos a favor con só dúas abstencións, algunha delas un tanto rara, pero que lle imos facer. Por tanto, aprobamos a modificación que tivemos que facer da aprobación provisional do plan de fai uns meses, que precisamente a Secretaría Xeral de Urbanismo nos requiriu para que así, esperemos que sexa en poucas semanas, a Xunta de Galicia poida aprobar definitivamente o planeamento urbanístico de Ribadeo”. Para Suárez  Barcia “será un beneficio para todos os veciños e veciñas e quero reiterar a miña felicitación e os meus parabéns para todos os concelleiros que durante todo este tempo viñemos traballando estreitamente, con independencia do grupo político ao que pertenceran, e que agora a maior parte deles votaron a favor desta proposta de modificación de todos os requirimentos que a Xunta nos ordenou”.

Outro dos puntos que se aprobaron na sesión plenaria de onte foi o convenio a subscribir con Acisa para a dinamización comercial de Ribadeo. O alcalde dixo que “seguimos a marcar as pautas de actuación que permiten poñer o grao de area do Concello dende a achega económica e dende as actuacións que o Concello se compromete a facer e tamén coas actuacións que Acisa se compromete levar a cabo no sentido de traballar conxuntamente como estamos a facer nos últimos tempos. Penso que somos un referente comercial para A Mariña e para unha parte moi importante do territorio e dende logo temos que seguir nesta idea de facer un Ribadeo atractivo, atractivo no arquitectónico, nas súas rúas peonís e nos espazos públicos, un Ribadeo atractivo cun comercio moderno e que saiba atraer xente e no que as infraestruturas de comunicación servan para seguir atraendo xente e non para levala. Nesa idea está o Concello e nesa idea están os comerciantes. Este convenio foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno e coa abstención do resto dos grupos”.

No pleno quedou aprobado inicialmente o regulamento dos cemiterios municipais de Ribadeo: o da vila e o de Ove. “Trátase de dotar a estes cemiterios dunha normativa e dun regulamento moderno e actual, que veña a substituír ao vixente que é de 1932 e ten moitos anos, polo que non está adaptado ás lexislacións actuais. Por iso, ás veces formula determinados problemas sobre todo co tratamento de nichos en desuso e con determinados dereitos e deberes dos propietarios ou concesionarios de sepulturas. Agora polo tanto haberá unha exposición pública durante un mes, onde tódolos veciños e colectivos poderán ver este documento e ao mesmo tempo, poderán facer suxestións e achegas porque do que se trata é que entre todos poidamos facer unha normativa cómoda, que regule o funcionamento para ben do cemiterio, sen que haxa ningunha traba. Senón todo o contrario, que é o que pretendemos”, dixo o alcalde, Fernando Suárez.