O pleno extraordinario e urxente que onte se desenvolveu no Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade o proxecto de saneamento na zona de Piñeira, que suporá un investimento de 200.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que “Augas de Galicia execute de maneira íntegra este orzamento para continuar ampliando a rede de saneamento integral”, unha rede que, segundo informou o alcalde, “empezou a facer hai varios anos e que aínda non está operativa… vai desde A Devesa ata Vilaselán e estará lista cando a depuradora nova empece a funcionar unha vez que se constrúa”.
O rexedor dixo tamén que “esta arteira principal non ten sentido senón se vai desenvolvendo, polo tanto desde o Concello preparamos un proxecto para empezar a facer ramificacións desta e propuxémoslle a Augas de Galicia empezar pola parroquia de Piñeira no lugar de Dompiñor”. Este proxecto contempla conectar o colector xeral construído hai poucos meses con todo o núcleo de Dompiñor e ademais quedaría operativo ao pé da estrada xeral para poder continuar nun futuro cara Folgosa ou para completar a parroquia de Piñeira.
Fernando Suárez engadiu que “o Concello aprobou o proxecto e agora poñerá a disposición da Consellaría de Medio Ambiente os terreos e os camiños públicos por onde pasará ese saneamento, agardando que Augas de Galicia o aprobe canto antes e que nos poñamos a traballar para executalo”. Esta medida foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Concello de Ribadeo.