O alcalde, Fernando Suárez, destacou que esta actuación “suporá a rehabilitación de 20 vivendas no casco vello de Ribadeo coa achega do Ministerio de Vivenda e da Consellaría de Vivenda e mais cun 45% que porán os particulares”. Serán en total 400.000 euros os destinados a rehabilitación de edificios e de vivendas. Outra parte deste investimento será a que se refire á rehabilitación de espazos públicos urbanos no casco vello. Neste caso achegarán fondos o Ministerio, a Xunta e mailo Concello. O que se destina a obra pública son 120.000 euros e, en total, entre obra pública e privada o investimento será de 520.000 euros.
O rexedor informou de que en breve se asinará un convenio coa Consellaría e o Goberno estatal que terá vixencia desde o ano 2009 ata o 2011.
Fernando Suárez quixo destacar “a boa acollida dos veciños que viven no casco vello de cara a estas axudas” xa que, segundo asegurou, o goberno local está “detectando moito máis interese neste último ano” e que se “se están eliminando as listas de espera tan grandes que tiñamos”. O rexedor afirmou que nestes momentos “estamos cubrindo sen problema a xustificación dos proxectos de cada anualidade e esta nova remesa de vivendas dará a posibilidade a 20 familias de poder rehabilitar esas casas con cargo ás axudas públicas”.
Fernando Suárez engadiu que esta situación contrasta notablemente coa de “aqueles inmobles, moitos deles nobles, que pertencen a familias que non viven aquí e que moitas veces fixeron oídos xordos ás nosas demandas”. Nos últimos tempos, segundo explicou o alcalde “despois deses decretos de cara á seguridade pública, salubridade e ornato moitos reconsideraron a súa actitude desleixada de non rehabilitar eses edificios e algúns están metendo proxectos de rehabilitación, noutros casos o Concello tivo que facer execucións subsidiarias, cando menos no que ten que ver coa seguridade pública”. Fernando Suárez destacou que “non nos gusta ter que facer isto pero seremos implacables de aquí en diante con estes propietarios e seguiremos coa política de tender a man a todos aqueles que viven no casco histórico para que poidan gozar destas axudas”.