Xa en xaneiro deste ano o alcalde, Fernando Suárez, referiuse á modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI: “quixemos contrarrestar a suba que o Ministerio de Facenda aplicou aos valores catastrais, dándolle un coeficiente de actualización do 8%. E nosoutros para contrarrestalo quixemos baixar o tipo que o Concello ten que determinar para aplicar, baixalo nun 8% para que a cota resultante sexa a mesma”.

Naquel momento o rexedor ribadense dixo que “con isto vimos comprobar de maneira verídica o noso compromiso de non subir o IBI, de non subir os impostos nestes últimos anos, e así o vimos cumprindo. Polo tanto a xente pagará o mesmo que pagou o ano anterior e o mesmo que pagou o ano inmediatamente anterior tamén, sen prexuízo de aqueles que tiveron unha revisión catastral por cuestións que non estaban declaradas ou que non estaban correctamente declaradas polo motivo que fora. O tipo actual fixado para o ano 2018 foi do 0’62%”.

En marzo deste 2018 o alcalde lembraba que “o 30 de decembro do ano pasado saíu no Boletín Oficial do Estado o índice de actualización de valores catastrais, e para Ribadeo incrementábase nun 8%. Como a lei tamén permitía poder compensar esta suba ata o 1 de marzo de 2018, no pleno de xaneiro fomos extremadamente dilixentes desde que saíu aprobado no BOE e aprobamos nós reducir esta porcentaxe para que todo seguira igual. A circunstancia negativa de todo isto é que no devir administrativo da administración pública, entre mandalo ao boletín, publicalo no BOP, que non depende de nós, e todo o tempo de exposición pública, non entrou en vigor a tempo, é dicir non entrou en vigor para o 1 de marzo. Polo tanto este ano 2018, aínda que a Corporación Municipal quixo non subir a contribución, vai subir no 8%”.

Para compensar esta situación nesa sesión plenaria do mes de marzo de 2018 acordouse que “para o ano que ven non se baixe un 8% senón un 16%, o dobre exactamente, para que todo quede igual e a suba deste ano se compense coa baixada do ano que ven de maneira dobre, para a partir de aí, nos exercicios de 2020 en diante, mantelo como se nada tivera pasado. Fomos desde o goberno municipal moi dilixentes para que esta suba non tivera efectos, pero as circunstancias administrativas de boletíns, publicacións, etc… que non están nas nosas mans, impedírono. Polo tanto, como si están nas nosas mans baixamos o dobre o ano que ven para que en definitiva todo quede igual”.