O edil responsable de Economía, Vicente Castro, explicou que nesta comisión sen fixo unha proposta aberta para estudo e análise por parte dos diferentes grupos. Segundo declarou, “o PP declarou a súa intención de votar en contra dos orzamentos mentres non se modifiquen ou inclúan novas partidas con algunhas das súas propostas”. Castro engadiu que “tanto PSOE como UPRI desvelarán se van votar a favor ou en contra no pleno dos orzamentos, os socialistas de momento nin presentaron nin sabemos se van presentar propostas e UPRI comprometeuse a presentar hoxe a súa proposta”.

O concelleiro de Economía de Ribadeo asegura que “despois estudiaremos todo o que nos chegue xunto aos técnicos para presentar un novo orzamento e convocar a comisión de economía e facenda para dentro duns días”.

Vicente Castro insiste en que “o orzamento é de vital importancia para Ribadeo debido á grande cantidade de inversións que hai comprometidas con presupostos vinculados a outras administracións e que se poderían perder senón saen adiante. Estamos dispostos a estudar as propostas que nos cheguen, sempre dentro dun límite razoable, xa que haberá partidas que non poidan ter cabida e outras que non se poidan modificar”.

Os orzamentos de Ribadeo para 2008 roldan os 10 millóns de euros.