A Concellaría da Muller, a través do Centro de Información ás Mulleres e da Oficina de Inmigración, pon de novo en marcha os bonos-axuda para promover a conciliación da vida laboral e familiar. Segundo explica Luisa González, do CIM de Ribadeo, esta iniciativa “centráse na experimentación sobre a implantación dun sistema de bono-axuda facilita o pago dunha parte do custe do servizo e do acceso a servizos de proximidade para o coidado de nenos e nenas”.
Os bonos-axuda, que xa se implementaran no ano 2005, volven agora a poñerse en funcionamento ante o incremento de nacementos e a demanda de persoas que non teñen familiares para deixar aos seus nenos e nenas, ou que non desexan que estes supoñan unha carga para outros membros da familia. Luisa González, responsable do CIM, asegura que a campaña “está dirixida a unha ampla capa da poboación que desexe incorporarse ao mercado de traballo ou co fin de contribuír á conciliación da vida laboral e familiar”. Cos bonos-axuda sufragarase o 50 % do custe do servizo, por exemplo se 1 hora vale 3 euros, o Concello farase cargo do pago de 1,50 euros.
A persoa que solicite este bono-axuda terá que xustificar os motivos da solicitude (ampliación de formación, traballo ou situacións de urxencia…) e non debe sobrepasar determinados límites económicos (1.500 euros netos mensuais se ten un fillo/a e 1.800 euros netos se ten dous ou máis fillos/as). As persoas interesadas deberán dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres ou á Oficina de Inmigración para solicitar ditos bonos, que están implantados naquelas ludotecas que teñen todos os permisos e documentación en vigor.