O Concello de Ribadeo presentou hoxe as actividades que organiza para a poboación inmigrante que reside no concello. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “Ribadeo é un lugar de acollida para moitos/as inmigrantes que veñen en busca de traballo, así, pasouse de 370 cidadáns e cidadás que tiñamos censados hai un ano aos 500 que temos agora”. Segundo datos proporcionados polo alcalde, a maioría destes cidadáns e cidadás son de procedencia brasileira (un total de 160) e portuguesa (con 80), seguidos a moita distancia de países como Colombia, Rumanía, República Dominicana, Marrocos ou Arxentina.
O rexedor ribadense engadiu que “vemos que hai un aumento significativo que se ve reflectido nos usuarios e usuarias que se achegan á Oficina do Emigrante para solicitar información, orientación e asesoramento sobre temas de interese, o que nos leva a pensar que Ribadeo é un concello no que se senten a gusto para comezar unha nova vida”.
Este ano vanse impartir clases de español os martes e os xoves de 10:30 a 11:30 horas, con posibilidade de aumentar os horarios para facilitar a asistencia, xa que, tal e como sinalou Ana Prieto, a técnica de emigración, “o coñecemento do idioma é básico para a integración en todos os ámbitos da nosa sociedade”. Está previsto tamén un programa de reforzo educativo con clases de apoio escolar e de galego, que serán de luns a venres de 17:30 a 19:30. “Dentro desas horas organizaremos as clases en función das idades dos alumnos”, sinalou Ana Prieto.
Haberá tamén clases de informática os martes e os xoves de 19:30 a 21:00 no Teleclube situado na Casa da Xuventude. Estas clases darán comezo o 4 de novembro.
Encontros gastronómicos
Nesta nova etapa vanse celebrar tamén os segundos encontros gastronómicos interculturais, que segundo engadiu Ana Prieto “volveremos a poñer en marcha dada a aceptación da pasada edición”. O ano pasado, sinalou “puidemos degustar receitas típicas da cociña árabe, brasileira, paraguaia, ademais da española e galega e este ano coñeceremos máis receitas deses países e tamén das cociñas dominicana e cubana e despois iremos introducindo máis a medida que atopemos a máis inmigrantes dispostos a colaborar”.
Estes encontros, que terán lugar todos os venres dos meses de novembro e decembro ás 20:00 horas na Casa do Mar, darán comezo o día 7 de novembro.
As persoas interesadas en inscribirse en algunha destas actividades poden acudir á Oficina do Emigrante, situada no Auditorio Municipal, en horario de 9:00 a 14:00 horas ou chamando por teléfono ao 982 120 808.