O 78% da cidadanía ribadense e o 69% dos axentes sociais consideran a desigualdade de xénero coma un problema importante na sociedade actual. Estes son algúns dos datos que aparecen recollidos no estudo Diagnose da violencia de xénero no Concello de Ribadeo que se presentou esta mañá dentro dos actos organizados con motivo do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero.
Os/as profesionais consideran que a desigualdade se produce en todos os ámbitos, mentres que a cidadanía aprecia que esta está presente, fundamentalmente, no ámbito laboral e nas tarefas do fogar.
A cidadanía ribadense, segundo o mesmo estudo, é rotunda á hora de afirmar que dita desigualdade é a causa da violencia de xénero, unha opinión que só comparte, entre os axentes sociais consultados, o persoal sanitario e o de servizos sociais. Abuso de alcohol e drogas e trastornos psicolóxicos e mentais aparecen como os dous factores que máis favorecen a violencia de xénero segundo todos os/as enquisados/as. A influenza dos medios de comunicación é a menos decisiva para a cidadanía, lugar que ocupan as crenzas relixiosas para os axentes sociais.
No estudo realizado tamén se recolle que non todos os axentes sociais consultados coinciden en sinalar a violencia como algo frecuente, pero case todos atenderon e coñeceron algún caso, incluso nos últimos 3 meses. Todos coinciden en que non hai un perfil definido de muller víctima de violencia de xénero, pero a máis exposta sería unha muller inmigrante, de baixo nivel cultural e pouco poder adquisitivo, e con unha idade comprendida entre os 36 e os 65 anos. Tampouco existe un perfil concreto de home maltratador.
Formación especializada e educación
A concelleira de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que unha das conclusións que se pode tirar deste estudo é “a necesidade de impartir máis formación especializada entre os axentes que traballan coas víctimas e coas súas familias e a necesidade de dar máis información á poboación en xeral pero de facelo a través de sectores coma o educativo, o dos servizos…”.
O devandito estudo divídese en dúas partes, unha na que se valora a percepción que ten a cidadanía sobre a violencia de xénero e a igualdade mediante un cuestionario telefónico e outra, que ser realizou mediante cuestionarios anónimos e voluntarios, na que se analiza a percepción que teñen destes temas os axentes sociais implicados no tratamento e na prevención dos casos de violencia de xénero (forzas e corpos de seguridade do estado, policía local e persoal do ámbito sanitario, educativo e dos servizos sociais e de atención á muller).
Este proxecto foi financiado pola Secretaria Xeral de Igualdade dentro da súa liña de axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para o desenvolvemento de programas en materia de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e engloba, ademais deste estudo, a IV edición da campaña Un futuro por compartir en igualdade.