O programa de prevención de drogodependencias que hoxe se presentou en Ribadeo inclúe actividades para rapaces e rapazas de primaria e de secundaria, así como outras destinadas ao ámbito familiar. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “imos levar adiante un feixe de actividades de cara ao curso 2008-2009 facéndoo transversal desde o ámbito educativo, pasando pola familia, a xuventude, a incorporación social…”.
Segundo explicou tamén a responsable do programa, Mónica Fernández Lamparte, os alumnos de primaria participarán no denominado Entrenamento en Habilidades Sociais, un programa de 4 sesións “dirixido a alumnos e alumnas de 5º e 6º curso dos colexios de Ribadeo, Trabada, Barreiros e A Pontenova, no que a aprenderán a pedir perdón, a falar en público, a dicir que non, a dicir cousas agradables…”. Fernández Lamparte sinalou que tamén se repartirán materiais didácticos de prevención do consumo de drogas editados pola Consellaría de Sanidade e que son completamente novos este ano. Agárdase que este material chegue a mans de máis de 1.100 alumnos e alumnas.
Proxección en galego
Para secundaria está prevista a celebración dunha nova edición de Cinensino, un programa dirixido a alumnos de 1º e 2º da ESO dos IES Dionisio Gamallo Fierros e Porta da Auga. Fernández Lamparte asegura que “se proxectarán tres películas e a novidade deste ano é que unha delas, Pradolongo, será en galego”. Sinalou así mesmo, que tamén “haberá reparto de material didáctico entre os rapaces e rapazas dos IES de Ribadeo e da Pontenova e celebrarase a segundo edición de Komikea“. Este programa está dirixido a alumnos de 3º e 4º da ESO e nel, eles e elas actúan coma mediadores/as logo dunhas sesións de formación en drogodependencias ou como elaborar un comic. Son os propios alumnos e alumas os que elaborarán estes comics preventivos que despois se reparten entre todos os mozos e mozas de Ribadeo de entre 15 e 20 anos, escolarizados nos IES do Concello. Os alumnos de secundaria tamén participarán na campaña ¿E si che toca a ti?.
O programa de prevención de drogodependencias actuará tamén no ámbito da familia a través do reparto da publicación Cousas que che interesan como pai/nai “que chegará a 624 familias con fillos en idades dos 10 aos 18 anos”, indicou Mónica Fernández. “O folleto leva unha enquisa adxunta para ver si os pais-nais estarían interesados en facer grupos de reunión e formación en drogodependencias”, explicou Fernando Suárez.
Mónica Fernández Lamparte lembrou tamén que se seguen a repartir vales de tren en FEVE para o desprazamento á UAD de Burela para todas aquelas persoas que se atopen a tratamento de deshabituación de calquera drogodependencia, sexa legal ou ilegal. “A 13 de outubro”, sinalou, “tiñamos entregados xa máis de 500 vales”.
30.000 euros de investimento
O rexedor ribadense destacou a importancia da achega económica realizada pola Dirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias “que pasa dos 25.000 euros que nos deron no 2007 aos 30.000 deste ano”. Fernando Suárez tamén agradeceu a colaboración do profesorado “xa que sin eles non se podería realizar este programa, xa que nos prestan horas lectivas para realizar intervencións nas aulas por parte do noso persoal de drogodependencias, entre outras cousas”.